Friday 26 de April de 2024

O PSdeG preguntará no Parlamento polo Ximnasio do Pino


Equipamento deportivo cofinanciado con fondos europeos, instalado desde fai máis de dous anos, e que o Alcalde non puxo a disposición da veciñanza

A directora do Agader, Ines Santé, terá que responder en sede parlamentaria en que estado se atopa o requirimento feito polo Grupo Municipal Socialista

En O Pino, a 14 de abril de 2022. O Grupo Socialista no Parlamento de Galicia, tras a solicitude do PSdeG do Pino, preguntará no Parlamento Galego polo ximnasio do Concello do Pino.

Un pequeno espazo situado no Pavillón do Lameiro, dotado de distinto equipamento deportivo (cintas de correr, elípticas, bicicletas estáticas, remo, etc..), adquirido grazas aos fondos europeos. Concretamente, cofinanciado a través das axudas do Programa Leader -anualidade 2019-, e que o Alcalde do PP, Manuel Taboada, non puxo a disposición da veciñanza, segundo denuncia o PSdeG local.

O Grupo Municipal Socialista do Pino canso de demandar durante os últimos dous anos a posta en marcha desta instalación deportiva, solicitou, no último trimestre do ano 2021, á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural un requirimento para que o Concello do Pino procedese á devolución da axuda recibida por incumprimento reiterado da normativa e, tamén, da lei de subvencións. “Requirimento que visto o visto nin se molestaron en contestar”, denuncia o voceiro socialista do Pino, Óscar Vilar.

Agora, pasados máis de seis meses, e ante a nula resposta recibida elevan o asunto ao Parlamento Galego, co obxecto de que a Directora Xeral do Agader, Inés Santé, responda en sede parlamentaria. Informando das medidas que vai tomar a Xunta de Galicia, e que ao mesmo tempo explique cal é a opinión que ten a dirección xeral do Agader sobre este asunto.